Friday 26 de April de 2024

Pereira homenaxeará este sábado a Ramiro Recouso


Coincidindo coa comida de confraternidade a asociación veciñal plantará un carballo na memoria do edil nacionalista, que residiu nesta parroquia

A figura de Ramiro Recouso Liste, concelleiro do BNG finado en outubro de 2015, segue moi presente na memoria colectiva dos habitantes de Ordes. A Asociación de Veciños e Veciñas de Pereira, parroquia onde residía o edil, renderalle este vindeiro sábado, 25 de xuño, unha emotiva e simbólica homenaxe.

O acto está previsto para as 14.30 horas e coincidirá coa comida de confraternidade que anualmente celebran os membros desta asociación. O momento máis sinalado será cando se plante un carballo na memoria do edil nacionalista. Organizadores do evento e membros da asociación convidan a todas e todos os que queiran compartir este instante a que se acheguen ao campo da feira, a carón do local social, para renderlle tributo a Ramiro Recouso. Ademais dos edís e simpatizantes da formación nacionalista tampouco faltarán á cita outros representantes da corporación local, así como o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e membros do seu equipo de Goberno.